xoves, 14 de maio de 2015

24ª/ 25ª SESIÓN. XOGOS POPULARES.

Unidade 13. ESTACIÓNS CON XOGOS POPULARES. Sesión 24.
Obxectivos.
Traballar en equipo de forma autónoma e coordinada.
Mellorar o traballo de coordinación 
visomotora, concentración, habilidade e precisión manual.
Coñecer os xogos populares da nosa zona.
Materiais.
Xogos de petanca, bólas, zancos, aro e gancheta, aros, tizas,piedras...
PARTE INICIAL.
Recordamos a dinámica da clase (traballo por estacións). Pedímoslles que traballen en equipo e que se organicen de forma autónoma.
Nos cambios de estación deben deixar as estacións recollidas para o seguinte equipo.
PARTE PRINCIPAL.
Organizamos 4 estacións onde os alumnos traballarán diferentes xogos populares.
  1. ESTRÍCULA O PELETRE.
Hai diferentes formas de pintala no chan pero a máis común é esta: Píntase un cadrado co número 1 dentro, logo outro cadrado co 2, outro co 3, intentando que sexan máis ou menos iguais. No cuarto piso do peletre píntanse dúas casas, unha co número 4 e ao seu lado outra co 5. A casa superior ocúpaa o 6 e as dúas últimas son tamén casas dobres cos números 7 e 8. Logo outro piso cunha soa casa co número 9. A continuación debuxarase unha casa co número 10.
O xogo comeza tirando unha pedra pequena (tamén chamada peletre) no cadrado número 1, intentando que a pedra caia dentro do cadrado sen tocar as raias externas. Comézase a percorrer o peletre a pata coxa sen pisar as raias, gardando o equilibrio ata que se chega ao cuarto piso onde hai dúas casas e podemos apoiar os dous pés. Seguimos o número 6 a pata coxa e novamente no 7 e o 8 apoiamos os dous pés. Agora hai que volver ao número 1. Debemos saltar e darnos a volta sen pisar as raias e desfacer o mesmo camiño ata o número 1 onde nos agacharemos a pola pedra sen apoiar o outro pé.
Se non pisamos raia continuamos o xogo agora tirando a pedra na casa número 2 e repetindo o mesmo. Se a pedra non caese na casa número 2 ou tocase raia pasaría a quenda ao seguinte xogador. O obxectivo é tirar a pedra nas demais casas sucesivamente. Quen remate antes a rolda gaña.
Tamén faremos outras estrículas diferentes con menos cadrados e faremos a caracola.
  1. PETANCA.
Ao comezar o xogo lánzase o boliche dende unha circunferencia de lanzamento que debe colocarse como mínimo a 1 m de calquera obstáculo. Para que o devandito lanzamento sexa válido, o boliche debe quedar a unha distancia entre 6 e 10 m da circunferencia de lanzamento e polo menos a 1 m de calquera obstáculo.
Despois, cada xogador lanza, por quenda, tres bólas na modalidade individual e en dobres (dous equipos de dous xogadores) e dous se se xoga por tríos (dous equipos de tres xogadores). Os lanzamentos poden ser de tres tipos: de aproximación ao boliche; de "tiro" para intentar afastar unha bóla dun xogador contrario golpeándoa; e de "apoio", facendo rodar a bóla para achegar máis unha propia ao boliche ou para afastar unha contraria.
Si ao final desta partida, o equipo vermello ten unha bóla máis preto do boliche que calquera bóla do equipo azul. O equipo vermello gaña un punto.
Si hai dúas bólas do equipo vermello máis preto do boliche que calquera bóla do equipo azul. O equipo vermello gaña dous puntos. Unha vez concluída a partida, cada bóla que se encontre máis preto do boliche que as dos contrarios apúntase un punto. Gaña o xogador ou o equipo que chegue antes, xeralmente, a trece puntos para partidas entre xogadores individuais ou equipos de dobres ou a quince puntos no caso de tríos.
  1. ZANCOS, ARO E GANCHETA.
Os alumnos poderán experimentar e xogar co aro e a gancheta de ferro que temos na escola, ademais poderán aprender a andar nos zancos. Temos zancos de plástico e de madeira. Os alumnos e os profesores libres poderán axudarlles a andar con eles.
  1. AS BÓLAS.
Para xogar ás bólas debuxaremos un círculo de 2 metros de diámetro. Cada xogador terá unha bóla. Empezaremos lanzando as bólas dentro do círculo. O obxectivo é botar fóra do círculo as bólas dos nosos compañeiros sen que saia a nosa. Os xogadores decidirán unha quenda de tiros. Cada xogador pode realizar un tiro, pero se conseguen dar á bóla doutro repiten tiro.
VOLTA Á CALMA.
Recollemos o material e comentamos que estación nos gustou máis, que xogos coñecían e practicaran antes, que xogos quererían repetir nas sesións de educación física...

OBSERVACIÓNS.







Unidade 14. ESTACIÓNS CON XOGOS POPULARES. Sesión 25.
Obxectivos.
Traballar en equipo de forma autónoma e coordinada.
Mellorar o traballo de coordinación 
visomotora, concentración, habilidade e precisión manual.
Coñecer os xogos populares da nosa zona.
Materiais.

PARTE INICIAL.
UN, DOUS, TRE, PÉS QUIETOS.
Consiste en alcanzar unha parede sen que o que panda vexa moverse aos participantes.
Un dos xogadores vólvese contra unha parede e o resto colócase detrás del a varios metros de distancia. O primeiro canta a seguinte canción:
Un, dous, tres!
Pés quietos!

Mentres dura a canción, os participantes achéganse rapidamente e paran cando esta remata. O que panda se xira rapidamente e se pilla alguén en movemento, este deberá retroceder ata a liña de saída. Entón, volve cantar a canción e así sucesivamente.
O xogo continúa ata que todos os xogadores tocaron a parede. O último que o conseguiu será o seguinte en pandar.

  • Recordamos a dinámica da clase (traballo por estacións). Pedímoslles que traballen en equipo e que se organicen de forma autónoma.
            Nos cambios de estación deben deixar as estacións recollidas para o seguinte equipo.
PARTE PRINCIPAL.
Organizamos 4 estacións onde os alumnos traballarán diferentes xogos populares.
  1. A RA. O xogo da ra é un xogo de lanzamento de precisión múltiple onde se intenta introducir un determinado número de fichas na boca da ra. Os alumnos tirarán por quendas. Cada ficha que entre na boca da ra será un punto conseguido.
  2. A COMBA.  Os alumnos realizarán xogos de comba aprendidos nas sesións de Educación Física. (Rei, rei; Os chinitos; Quen vén comigo a bailar; Invítote; etc.
  3. A GOMA.  Os alumnos realizarán xogos de goma aprendidos nas sesións de Educación Física. (chirlosmirlos, chocolate, alturitas, triángulo, arañeira...)
  4. AS BÓLAS.  Faremos unha estrada ou camiño con distintos obstáculos (montículos, costas, ramas...) cada alumno terá unha quenda de tirada. En cada quenda poderán tirar tres veces seguidas, sempre e cando a bóla non saia do camiño.
    Se se saen do camiño deberán volver ao sitio por onde se saíu a bóla.
    O primeiro que chega á meta gaña.
VOLTA Á CALMA.
Recollemos o material e comentamos que estación nos gustou máis, que xogos coñecían e practicaran antes, que xogos quererían repetir nas sesións de educación física...
OBSERVACIÓNS.



Ningún comentario:

Publicar un comentario