xoves, 30 de outubro de 2014

ATOPANDO ALIMENTOS. O SAMAÍN.



Nesta sesión os nenos traballaron de novo cos diferentes grupos de alimentos, tiveron que formar os nomes dos alimentos partindo das súas sílabas, tiveron que facer un menú saudable no que estiveran presentes todos os grupos de alimentos e coma sempre desde un ambiente de traballo en grupo, cooperando e dialogando para chegar a unha solución acorde co problema plantexado.








...

5ª SESIÓN




Unidade 2.       Os alimentos         Sesión 5.
Obxectivos.
Traballar xogos e cancións relacionadas co Samaín.
Recordar os diferentes grupos de alimentos e a elaboración dun menú saudable.
Traballar as palabras e as súas sílabas.
Materiais.
Pelota con forma de cabaza, música, tarxetas de alimentos, tarxetas de sílabas, aros, ximnasio ou patio...
PARTE INICIAL.
O REI DA CABAZA
Pelota con cara de cabaza pintada. Xogamos nun espazo reducido. Todos contra todos. Calquera pode coller a pelota ou cabaza, o que teña a cabaza convértese en cazador. O resto escapa. Os cazados sentaranse no chan ao indio. A forma de salvarse é collendo a cabaza dende a posición de sentado, se collemos a pelota salvamos a todos e volvemos xogar. O que colleu a cabaza convértese no rei da cabaza (cazador).

PARTE PRINCIPAL.
QUE ALIMENTOS SON?
Formaremos equipos, cada equipo terá un grupo de alimentos representados por imaxes. Unha vez que comece a música "Todo Natural" de Mamá Cabra, terán que ir a recoller sílabas que formen as palabras deses alimentos. Para iso deberán desprazarse por parellas elixindo diferentes tipos de desprazamentos (carreta, no colo, a cabaliño...). En cada viaxe só poderán coller unha sílaba. O xogo finalizará cando teñan as palabras completas de todas as imaxes.
PALMEA E ADIVIÑA O NOSO ALIMENTO!
Cada equipo presentará o seu grupo de alimentos sen dicir que alimentos teñen no seu poder. Despois palmearán o número de sílabas dun deles e os outros grupos poderán dicir por quendas un alimento dese grupo que teña o mesmo número de sílabas. Quen acertará?

VOLTA Á CALMA.
O NOSO MENÚ DE HOXE....
Cada equipo deberá elaborar unha comida ou menú (primeiro prato, segundo e postre) onde aparezan todos os grupos de alimentos traballados. Unha vez elixido contarémosllelo aos nosos compañeiros coma se foramos camareiros dunha casa de comidas.
Canción “Cuando el reloj marca.....”
Despedímonos cantando unha canción que traballa o reloxo e os contidos da noite de Samaín.

OBSERVACIÓNS.










domingo, 26 de outubro de 2014

PRATO SAUDABLE.



Mira, escoita e aprende como debería ser o teu prato saudable.


 ENTRAR



O RELOXO E OS ALIMENTOS I


Nesta sesión fixemos de reloxeiros, bailamos como figuras do reloxo de cuco e mercamos algunha froita o froito do outono.






...

4ª SESIÓN


Unidade 2.         Os alimentos    Sesión 4.
Obxectivos.
Coñecer e traballar o reloxo, a súa estrutura e funcionamento.
Reloxo analóxico e dixital.
Os froitos do outono.
Materiais.
Reloxos, aros, pelotas, rotuladores, toalliñas, tarxetas de froitas, música, triángulo musical, ximnasio...
PARTE INICIAL.
OS RELOXEIROS.
Formaremos grupos de 4 ou 5. Cada grupo recibirá a esfera dun reloxo sen montar. Pediráselles que mentres escoitan "A Danza das Horas" de 
Amilcare Ponchielli deben buscar as pezas que lles faltan para compoñer un reloxo auténtico.
As pezas estarán escondidas polo ximnasio aínda que intentaremos que sexan doadas de localizar.
Unha vez que teñen o reloxo completo regalarémoslles un para a súa clase e así poder practicar as horas co seu novo reloxo.
PARTE PRINCIPAL.
RELOXO DE CUCO.
Seremos un reloxo de cuco con figuras en movemento. Colocaremos aros grandes formando un círculo, dentro de cada aro haberá unha parella. Fóra de cada aro haberá un reloxo para marcar horas en analóxico e dixital.
Mentres soa a música ("O Reloxo" de Haydn) moverémonos como as figuras dun reloxo de cuco.
Os que se encontran na zona interior do círculo desprazaranse no sentido contrario ás agullas do reloxo e os que se encontran na zona exterior no sentido oposto.
Ao parar a música encontrarémonos cunha parella nova. Nese momento escoitaremos unha hora e deberemos reproducila no reloxo analóxico e dixital.
Unha vez comprobadas as horas, realizaremos de novo o baile do cuco.

A RECOLLER FROITOS DE OUTONO
Os alumnos deberán recoller algúns froitos de outono dos que se encontran no fondo do ximnasio. Para iso deberán desprazarse dentro dun saco.
Os froitos que encontrarán serán castaña, noz, pera e uva.
A elección dos froitos ao azar axudarannos na organización do seguinte xogo.

CESTA DE FROITOS.
Música "O baile das froitas"
Os alumnos colocaranse en círculo, dentro dun aro cada un. A súa colocación será en función da seguinte serie: castaña, noz, pera e uva.
Haberá un compañeiro no medio do círculo. Este poderá dicir un dos froitos en voz alta. O froito nomeado debe cambiarse de aro, mentres o xogador do medio aproveita para meterse nun dos aros libres. Quen se quede sen aro tocaralle nomear no medio.
Se o do medio di: "Cesta de froitos" todos debemos cambiarnos de aro.
VOLTA Á CALMA.
Despedímonos bailando "O baile das froitas"
OBSERVACIÓNS.

O MEU CORPO III


Nesta sesión xogamos cun esqueleto moi marchoso, "O esqueleto Bailón", atopando nel os distintos ósos e articulacións que traballamos na clase.








Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
Customize your own slideshow

3ª SESIÓN


Unidade 1.      Coñezo o meu corpo       Sesión 3.
Obxectivos.
Recoñecer e localizar os seguintes ósos e articulacións. (cranio, úmero, costelas, columna vertebral, fémur, pescozo, ombro, cóbado, pulso, cadeira, xeonllo e nocello)
Recoñecer e localizar os seguintes músculos: bíceps, peitorais, glúteos, abdominais e xemelgos.
Materiais.
Crebacabezas de esqueletos plastificados, palabras plastificadas, música, bancos suecos, colchóns, aros, espaleiras..
PARTE INICIAL.
O ESQUELETO BAILÓN.
. Bailamos unha canción onde temos que mover distintas partes do corpo que baila un esqueleto. Cando aparece o silencio debemos quedarnos quietos (estatuas) e esperar a que continúe a música.
. Xogo de quecemento coa canción anterior. Teremos un esqueleto que pilla, o resto escapa. Cando nos toca o esqueleto quedamos inmóbiles e non poderemos movernos ata que escoitemos unha palmada que soa sempre despois dunha pausa da canción.
Mentres xogamos á pilla debemos ter en conta os momentos de música e os momentos de silencio, porque cando a música desaparece o xogo queda inmóbil (en “pause”): o esqueleto está inmóbil e non pode pillar, os que escapan están inmóbiles e tampouco poden escapar.... ata que volva a música.
PARTE PRINCIPAL.
ATRAPA O ESQUELETO!
Grupos de 6. Cada grupo deberá realizar un circuíto en forma de relevos. Ao final do circuíto terán unhas mensaxes (crebacabezas do esqueleto e nomes de ósos e articulacións) que deberán coller. O percorrido remata cando non quedan obxectos para recoller.
Mentres realizan o circuíto, os compañeiros que están en espera poden ir colocando o esqueleto e sinalando as súas partes.

ATOPA O INTRUSO.
Unha vez comprobado o crebacabezas anterior, comentámoslles aos nenos que hai unha palabra que non ten relación co resto. Non é un óso nin unha articulación.... Quen sabe cal é?
Palabras intrusas (glúteos, xemelgos e abdominais).
VOLTA Á CALMA.
O CORPO.
Bailamos a canción de  Migallas: "O corpo". Con esta canción podemos localizar algúns dos ósos que podemos atopar no esqueleto humano.

OBSERVACIÓNS.














venres, 24 de outubro de 2014

O MEU CORPO II


Nesta sesión seguimos xogando co corpo, experimentando situacións matemáticas nun contexto relacionado coa nova estación (Outono).













2ª SESIÓN


Unidade 1.       Coñezo o meu corpo      Sesión 2.
Obxectivos.
Traballar conceptos matemáticos a través do xogo (Números, suma, par e impar, maior o menor, seriación, decenas e unidades,...)
Localizar partes da cara e do corpo.
Materiais.
Follas debuxadas en papel con números no reverso, follas naturais, xices, papeis, lapis, cd, cancións do corpo, patio exterior,...
PARTE INICIAL.
RECOLLENDO AS FOLLAS.
Follas de outono tiradas polo chan nunha zona delimitada. Dous xardineiros recolléronas  e non deixan que nós as collamos.
Todos debemos coller unha folla, pero temos que evitar que os xardineiros nos atrapen.  Se estamos dentro da zona das follas os xardineiros non poden entrar e por tanto, non nos poden pillar. Se somos atrapados por un xardineiro deberemos devolverlle a folla que teñamos no noso poder. E quedaremos de estatuas no sitio onde nos atraparon.
Cando temos a folla no noso poder podemos salvar aos nosos compañeiros dándolles unha aperta, pero.... Coidado! se te atrapa o xardineiro perderás  a túa folla.
O xogo remata cando todos teñen a súa folla ou cando consideremos que xa levan moito tempo no xogo polo que se repartirán as follas que falten.
PARTE PRINCIPAL.
FACENDO CONTAS.
Traballamos por parellas. As follas recollidas no xogo anterior terán un número no reverso (do 0 ao 9). Cada parella deberá sumar os dous números.
Unha vez que sabemos cal é a cantidade deberán recoller o mesmo número de follas polo patio, pero esta vez serán follas caídas das árbores.
Todos comentaremos o número de follas que temos e teremos que dicir se é un número par ou impar. Se non o saben axudarémolos guiándoos para que formen parellas de follas.

TODOS BEN ORDENADOS.
Seguimos por parellas. Cada parella deberá escribir o seu número (a unión en decenas e unidades)  nun anaco de papel. Cando empece a música os alumnos teñen que bailar e cando pare a música deberán cumprir as ordes que escoiten:
- Facemos dous grupos. Un grupo de números pares e outro grupo de números impares.
- Facemos grupos de números que coincidan na unidade, que coincidan na decena,...
- Formaremos unha fila onde os nosos números estean colocados en orde de menor a maior / de maior a menor.
- Etc.
VOLTA Á CALMA.
DÚAS OPCIÓNS:
-          Canción “Coas miñas mans”. Mamá Cabra.
-          Canción “Este olliño pimpilín”.

OBSERVACIÓNS.




xoves, 23 de outubro de 2014

O MEU CORPO I


Nesta primeira sesión, traballamos co noso corpo e ao final da mesma, probamos a relaxarnos ​​ao ritmo da música.

Aquí tedes os vídeos:











E algunhas fotos: 






1ª SESIÓN



Unidade 1.    Coñezo o meu corpo       Sesión 1.
Obxectivos.
Adquirir vocabulario referente ás partes do corpo humano. (Cabeza, pescozo, ombro, cóbado, pulso, cintura, cadeira, xeonllos, nocellos,...)
Localizar distintas partes do corpo nunha figura ou nun compañeiro.
Traballar a tensión e relaxación dos músculos.
Materiais.
Xices, cd, cancións do corpo humano e de relaxación, patio exterior...
PARTE INICIAL.
SILUETAS.
Traballamos por parellas. Cada parella debuxa no patio unha soa silueta. Unha vez debuxada realizaremos un xogo de quentamento.
CORPO FÓRA.
Dous xogadores pillan, o resto escapan. Ao ter a metade das siluetas, usarémolas como casa. A metade da clase terá casa e a outra metade non.
Cando nos perseguen debemos poñernos a salvo. Podemos achegarnos a unha silueta ocupada e invitar ao compañeiro para que se vaia, dicíndolle "
Corpo Fóra".
O compañeiro escapará intentando ocupar outra silueta.
Se nos pillan cambiaremos os papeis.
PARTE PRINCIPAL.
SILUETAS.
Debuxamos as siluetas dos compañeiros que nos faltan.
PARTES DO CORPO.
Nomearemos distintas partes do corpo a un ritmo rápido e os alumnos deberán tocar as partes nomeadas. Queremos recordar as partes do corpo humano para o seguinte xogo.
O NOSO CORPO BAILA CON....
Bailaremos ao ritmo da música esquivando as siluetas. Cando se para a música, escoitarán o nome dunha parte do corpo e todos deberán tocar esa parte rapidamente nunha das siluetas.
Non pode haber dous alumnos na mesma silueta. Ao participar un de nós, un xogador quedará sen silueta e será o encargado de nomear  a seguinte parte do corpo cando pare a música. Se ao parar a música escoitan "
Corpo Dentro" deberán introducirse na silueta e reproducila co seu propio corpo.
VARIANTE: Podemos ir marcando con xiz as partes nomeadas.
VOLTA Á CALMA.
CHEGOU O OUTONO. (Relaxación)
Falamos cos nenos da estación na que nos atopamos.
Seremos follas verdes e fortes, que co paso do tempo van perdendo forza, van cambiando de cor, ata que caen da árbore....
Poñerémonos ríxidos cos brazos estirados e en alto. Pouco a pouco iremos relaxando distintas partes do corpo marcadas polas distintas articulacións (pulso, cóbado, ombros, caluga ou pescozo, cintura,
xeonllos....) Ata que rematan tombados no chan. Entón pedirémoslles que tomen unha postura cómoda e que escoiten a música e intenten que o ritmo da súa respiración sexa igual que o ritmo que escoitan....
OBSERVACIÓNS.




venres, 17 de outubro de 2014

COMEZAMOS UNHA NOVA VIAXE!

Comezamos un novo curso no que volveremos gozar 

xuntos deses momentos de xogo e aprendizaxe.

Benvidos a "Movémonos Globalizando" !