domingo, 26 de outubro de 2014

3ª SESIÓN


Unidade 1.      Coñezo o meu corpo       Sesión 3.
Obxectivos.
Recoñecer e localizar os seguintes ósos e articulacións. (cranio, úmero, costelas, columna vertebral, fémur, pescozo, ombro, cóbado, pulso, cadeira, xeonllo e nocello)
Recoñecer e localizar os seguintes músculos: bíceps, peitorais, glúteos, abdominais e xemelgos.
Materiais.
Crebacabezas de esqueletos plastificados, palabras plastificadas, música, bancos suecos, colchóns, aros, espaleiras..
PARTE INICIAL.
O ESQUELETO BAILÓN.
. Bailamos unha canción onde temos que mover distintas partes do corpo que baila un esqueleto. Cando aparece o silencio debemos quedarnos quietos (estatuas) e esperar a que continúe a música.
. Xogo de quecemento coa canción anterior. Teremos un esqueleto que pilla, o resto escapa. Cando nos toca o esqueleto quedamos inmóbiles e non poderemos movernos ata que escoitemos unha palmada que soa sempre despois dunha pausa da canción.
Mentres xogamos á pilla debemos ter en conta os momentos de música e os momentos de silencio, porque cando a música desaparece o xogo queda inmóbil (en “pause”): o esqueleto está inmóbil e non pode pillar, os que escapan están inmóbiles e tampouco poden escapar.... ata que volva a música.
PARTE PRINCIPAL.
ATRAPA O ESQUELETO!
Grupos de 6. Cada grupo deberá realizar un circuíto en forma de relevos. Ao final do circuíto terán unhas mensaxes (crebacabezas do esqueleto e nomes de ósos e articulacións) que deberán coller. O percorrido remata cando non quedan obxectos para recoller.
Mentres realizan o circuíto, os compañeiros que están en espera poden ir colocando o esqueleto e sinalando as súas partes.

ATOPA O INTRUSO.
Unha vez comprobado o crebacabezas anterior, comentámoslles aos nenos que hai unha palabra que non ten relación co resto. Non é un óso nin unha articulación.... Quen sabe cal é?
Palabras intrusas (glúteos, xemelgos e abdominais).
VOLTA Á CALMA.
O CORPO.
Bailamos a canción de  Migallas: "O corpo". Con esta canción podemos localizar algúns dos ósos que podemos atopar no esqueleto humano.

OBSERVACIÓNS.














Ningún comentario:

Publicar un comentario